Martes, Junio 8, 2010 21:29
Publicado en la categoría Hardware, Tutoriais,

Montar un ordenador silencioso

O gran problema dos computadores de sobremesa é o ruído. En principio non é algo moi molesto, pero se tes o PC na mesma habitación que dormes e es un adicto do P2P as cousas cambian. Ademais, canto menos ruído xere un PC mellor non? Hoxe vouvos a dar algúns consellos que me parecen útiles para montar un computador silencioso.

A principal fonte de ruído nun PC son os ventiladores. Hoxe en día calquera computador de sobre mesa ten polo menos dous ventiladores: o do disipador e o da fonte. Se compraches o computador xa montado, hai certas cousas coas que terás que cargar, por exemplo a caixa. No caso de que montes o PC desde cero, recoméndoche que para a caixa mires o seguinte:

  • Caixa grande, para o meu gusto canto máis mellor, xa que adoitan ser moito menos problemáticas en canto a frecuencias de resonancia. Os meus discos duros facían que a miña caixa vella entrase en frecuencia de resonancia, polo que tiven que argallar uns soportes cunhas cámaras de aire de bicicleta. Agora teño unha HAF 932 (imaxe abaixo) e non se escoitan. Tampouco che fai falta un armatroste como o meu, pero canto máis grande mellor.
  • Ranuras para ventiladores de 12 cm, xa que estes ventiladores moven moito aire con poucas revolucións, reducindo enormemente o ruído xerado. Como mínimo un na parte traseira. Recomendable que poidas pór un no frontal. No teito da caixa tamén é unha boa opción, así como no lateral.
  • Que sexa BTX. As caixas tipo BTX levan a fonte na parte inferior, o que a parte de ser moito máis cómodo para instalar os compoñentes, facilita a refrixeración da caixa.
  • Se tes diñeiro, vai a por a xoia da coroa dalgunha marca como Antec, NZXT, Cooler Master, ou a todo poderosa Lian-Li. Unha caixa desas marcas case che asegura un bo resultado.
  • Unha vez que teñas decidida a caixa, antes de comprar, intenta buscar información de usuarios con esa caixa, ou reviews en Internet. A información que presenta o fabricante non adoita ser a máis precisa en aspectos que non lles conveñen.

caja silenciosa

Ímonos ao procesador. Como sabedes é o compoñente que máis calor xera, e polo tanto o que maior refrixeración necesita. Os disipadores que traen de serie, a parte de ser pouco eficientes, son moi ruidosos. A mellor opción é cambialo. Disipadores hai a varrer e bos, se che colle na caixa ( e se o teu peto cho permíte) o Polimatech Megahalems é dos mellores, xunto co Thermalright IFX 14. Marcas como Scythe ou CoolerMaster ofrecen solucións máis económicas pero moi eficientes.

  • O mínimo, que leve heatpipes: os heatpipes son uns tubos que teñen no seu interior un líquido, e cando se somete a cambios de temperatura créase unha diferenza de presión que implica a circulación do fluído. Se queres unha explicación detallada mira na Wikipedia, o importante é que son moito máis eficientes na transmisión de temperatura que os sistemas convencionais.
  • O ventilador o máis grande posible, recomendable 12cm.
  • Dependendo do procesador, disipadores como os descritos poden funcionar ata pasivos, sen necesidade de ventilador, sempre que haxa un mínimo fluxo de aire na caixa, polo que é unha opción interesante a ter en conta.

Disipador Silencioso

Chegamos á fonte de alimentación. Recoméndoche que compres unha boa e gástes uns euros, xa non só polo ruído se non pola eficiencia e a protección do resto do equipo. Hainas pasivas, pero non adoitan compensar xa que son realmente caras. A miña recomendación é:

  • Ventilador de 12 cm, algunhas ata veñen con ventiladores de 13cm. Antigamente viñan con ventiladores de 8cm, algunhas ata tiñan dous, e era un pequeno reactor dentro do PC.
  • A maioría contan con regulación de r.p.m do ventilador en función da carga. Importante mirar os db de sonoridad anunciados.
  • PFC activo, e eficiencia superior ao 85%. Isto non ten que ver coa sonoridad pero se coa calidade da fonte.
  • Hoxe en día están moi valoradas as fontes Corsair, debido á súa gran calidade e estabilidade nas voltaxes.
  • Tamén é interesante que sexa modular, para aforrar espazo na caixa con cables innecesarios.

Fuente silenciosa

A gráfica, pode ser pasiva ou necesitar ventilación forzada. Neste segundo caso, o mellor é mirar un disipador mellor que o que traen. Zalman conta con bos disipadores para gráficas a un prezo alcanzable.

  • Mirar que o disipador sexa compatible coa túa gráfica en concreto, xa que distintos ensambladores poden usar distintas placas, e aínda que o modelo de gráfica coincida non teñen por que ser iguais.
  • Ollo se hai que disipar tamén as memorias, algúns disipadores inclúen uns pequenos disipadores que se poden pegar ás memorias. Se non veñen con eles, sempre os podes comprar por separado.
  • Como sempre, a sonoridad do ventilador é o principal. A maioría traen o seu propio sistema de ventilación e non permiten cambiar o ventilador, tédeo en conta.

Grafica silenciosa

No caso de que queiramos escatimar en ventiladores, quizais faga falta modificar ou mellorar a refrixeración do chipset da placa base. Dependendo do modelo e marca poderemos utilizar distintas alternativas.

  • Thermalright ten un disipador bastante bo para chipsets, así como Zalman.
  • Hoxe en día as placas adoitan necesitar solucións integrais para Ponte Norte, Ponte Sur e Mosfets, dependendo da placa cambia todo así que hai que mirar para cada placa basee en concreto.

Para ventiladores extra:

  • Como dixen antes mínimo de 12cm.
  • Ventiladores silenciosos e cun caudal de aire aceptable podemos atopar os Tacens Aura Ice, algúns Noctua, a gama silenciosa de Scythe, e un longo etc.
  • Sempre hai que comparar a sonoridad anunciada co volume de aire que moven. Dependendo do fabricante non mostrarán os datos en CFM ou m3/h. A conversión é 1 CFM 0.5885 m3/h (1 m3/h 1.699 CFM).

ventilador silencioso

Unha interesante opción son os frontais reguladores de revolucións para ventiladores.

  • Hainos moi simples, que só traen unha serie de potenciómetros para regular a velocidade.
  • Outros máis complexos teñen sensores de temperatura, pantalla táctil retroiluminada e presets de regulación automática.
  • É unha opción interesante, xa que ademais de permitirnos regular os ventiladores dálle un toque bonito ao PC.

frontal

Outra fonte de ruído son os discos duros. Hoxe en día recomendar discos duros de menos de 7200 rpm é unha bobada. O ruído que xeren dependerá máis do modelo que de características técnicas. O mellor mirar reviews. Sempre podes ir a por unidades SSD, pero o prezo por Giga Byte sobe a cifras moi altas.

Isto todo que vos acabo de comentar refírese unicamente a refrixeración por aire, o nirvana do silencio nun computador alcánzase con refrixeración líquida. En canto teña tempo fago un tutorial básico de RL.

Calquera dúbida ou suxestión será ben recibida.

disco duro, fuente alimentación, ordenadores, placa base, procesador, Refrigeración, ssd,

Deja un comentario